O reitor da Universidade de Santiago presidiu este venres 1 de marzo o acto institucional da Escola de Práctica Xurídica, no que se despide a sexta promoción do Máster Universitario en Avogacía e se recoñece a traxectoria dos profesionais e institucións que colaboran coa Escola.

No acto solemne, que se celebrou ás 20.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, asistiron case 300 personas e contou coa participación do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Francisco Rabuñal; o director da Escola de Práctica Xurídica, Lotario Vilaboy; o decano da Facultade de Dereito, Gumersindo Guinarte; a valedora do Povo, Milagros Otero; o decano do Colexio de Procuradores, Fernando González-Concheiro; o presidente da Audiencia Provincial, José Luis Seoane; a secretaria xeral da USC, Dulce García. Tamén houbo unha amplia representación institucional dos ámbitos xudicial, fiscal, da avogacía, das administracións autónomica e local, das forzas e corpos de seguridade e dos profesionais e alumnos da Escola.

Actualmente cursan o MUA 108 alumnos no campus de Santiago e 24 no campus de Lugo, sendo a formación impartida por profesionais tanto do ámbito universitario como dos diferentes colectivos profesionais relacionados coa práctica forense. Ademáis a Escola colabora na formación continua dos avogados composteláns, dos procuradores galegos e doutros profesionais relacionados co sector da xustiza, así como nas prácticas externas do Grao en Dereito e ten previsto nun futuro ampliar o seu abano de actividades á formación inicial doutros colectivos profesionais do eido xurídico.

A cerimonia serviu tamén para facer un recoñecemento público ás institucións e profesionais que colaboran coa Escola no desenvolvemento das materias de prácticas externas do grao en Dereito, de prácticas externas do posgrao en administracións públicas, órganos xudiciais e despachos de avogados e das prácticas en concellos que subvenciona a Deputación da Coruña. Dun xeito particular, foron homenaxeados os membros do anterior Consello de Dirección da USC: Juan Viaño, Consuelo Ferreiro e José Manuel Villanueva e tamén quen fora durante moitos antos codirector da Escola por parte do Colexio de Avogados Ricardo Ferrer.