A Escola de Práctica Xurídica celebrará nos días 18 e 23 de marzo de 2021 os xuízos simulados correspondentes ás materias de Práctica Xurídica Penal II e Práctica Xurídica Laboral II do Máster Universitario en Avogacía (USC-ICA Santiago) nas salas de audiencias situadas nas instalacións da Escola.

Os xuízos simulados forman parte das actividades e sistema de avaliación das diferentes materias de dereito positivo do MUA, e consisten nunha nova metodoloxía de ensino a través da cal os/as alumnos/as, asistidos por un titor/a (avogado/a), actuarán baixo o rol de avogados/as da parte demandante/acusación e da parte demandada/acusada en procedementos correspondentes ás ordes xurisdicionais penal e social. No que respecta á orde xurisdicional penal, as simulacións versarán sobre asuntos penais relativos á temática da violencia de xénero, a tramitar polas pautas do procedemento para axuizamento rápido de determinados delitos. Neste caso, para que a simulación sexa o máis real posible, o alumnado terá coñecemento da documentación necesaria unha hora antes do comezo xuízo, como sucede moitas veces na realidade, para afacerse ao que será a súa futura vida laboral. Os xuízos simulados da orde xurisdicional social versarán sobre á temática das prestacións da Seguridade Social, e a súa preparación será a habitual, dando un prazo para presentar a demanda, e realizando a contestación de forma oral.

Como consecuencia do COVID-19, a celebración destas actividades está marcada por unhas fortes medidas de seguridade para preservar a saúde e seguridade dos/as xuíces, fiscais, e avogados/as que seguen colaborando na súa realización, así como do persoal docente e dos alumnos. Séguense mantendo as medidas acordadas no primeiro semestre como son por exemplo que non sexa posible que o alumnado conte coa colaboración de persoas alleas a Facultade para a realización da actividade.