O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, e a vicedecana do ICA Santiago, Carmen González Ferro, asinaron o 11 de xuño, na sede da institución provincial, un convenio de colaboración para o financiamento das prácticas dos alumnos da Escola de Práctica Xurídica da USC nos departamentos de urbanismo dos concellos da provincia. O acto contou coa asistencia do director da Escola, Lotario Vilaboy e do Xefe de Patrimonio e Contratación da Deputación, Luis Jaime Rodríguez.

O obxecto do protocolo é proporcionar as necesarias prácticas xurídicas aos licenciados e graduados en Dereito e alumnos da Escola, que serán encargados da realización de estudos, informes, escritos e xestión de expedientes, o que lles proporcionará un coñecemento directo, mediante supostos concretos e reais, do traballo diario que se realiza nos departamentos de urbanismo dos concellos.

Ao mesmo tempo, este acordo axudará a fortalecer os servizos urbanísticos dos concellos da provincia da Coruña, que precisan da colaboración de titulados en Dereito que realicen labores de asesoramento en diversas materias relativas ao desenvolvemento da súa actividade, procurando así unha mellor atención para a cidadanía.

Os dez primeiros alumnos xa comenzaron a realizar prácticas na propia Deputación, e nos concellos de A Pobra do Caramiñal, Boiro, Dodro, Padrón, Rianxo, Santiago de Compostela, Val do Dubra. Outros dez alumnos farano a partir do mes de setembro noutros concellos da provincia.