Máster oficial en Avogacía 2014-2016

PROFESORADO

  1. A) Curso de formación

A Lei 34/2006 establece, no seu art. 4.3º, que nos “cursos de formación” para avogados deberá garantirse “a presenza da metade, alomenos, de profesionais colexiados exercentes. De conformidade con dita lei e co establecido no seu Regulamento de desenvolvemento, o profesorado do “curso de formación” do máster estará integrado por:

  • un 40% de profesorado universitario contratado ou funcionario.
  • un 60% de profesorado pertencente a avogacía e a outras profesións xurídicas relevantes para a formación do futuro avogado.

As materias de Introdución ao exercicio profesional e Quenda de oficio, Deontoloxía profesional e Réxime de responsabilidade e Escritura e Oratoria forense serán impartidas na súa totalidade por profesorado pertencente a avogacía e a outras profesións xurídicas.

  1. B) Prácticas externas

O ICA de Santiago, a través da EPX conveniada, e a Comisión Académica, garantirán o cumprimento dos requisitos do período de prácticas establecido no Regulamento de desenvolvemento da Lei de acceso, para todos os estudantes matriculados no Máster.

A xestión de todos os créditos de “prácticas externas” corresponde ó ICA de Santiago, que os desenvolverá e coordinará a través da EPX. A tal efecto, seleccionará os despachos, administracións, órganos xudiciais, institucións e entidades onde se realicen, así como os titores e colaborares que as dirixan. Determinará o plan detallado, calendario e horario de prácticas e establecerá os mecanismos de control precisos para a comprobación da súa axeitada realización e aproveitamento. Corresponderá á Comisión Académica a aprobación do correspondente plan operativo das “prácticas externas”.

Os titores das “prácticas externas” serán avogados vinculados ao ICA de Santiago, cun exercicio profesional de, alomenos, cinco anos, sen prexuízo da posible colaboración doutros profesionais, cando así se considere conveniente (en particular, no que se refire as prácticas en administracións públicas e órganos xudiciais), a proposta do propio Colexio.

A adxudicación de destinos dos estudantes para a realización do período de prácticas será realizada pola EPX, por medio do oportuno procedemento aprobado pola Comisión Académica.

Durante o período de prácticas externas os estudantes contarán cun coordinador de prácticas e estarán suxeitos á duración, calendario, horario, lugar e actividade que se establezan, aplicaranse con dilixencia ás tarefas encomendadas, manteranse en contacto co titor e gardarán o sixilo sobre as tarefas que estean a realizar durante este período e unha vez este teña rematado.

A realización das prácticas de formación por parte dos estudantes non constitúe vínculo laboral nin contractual de ningún tipo entre estes e as partes asinantes, ni comportará contraprestación económica algunha para o estudantes durante o seu desenvolvemento, no sendo aplicable o Estatuto dos Traballadores.

A EPX conta con mais de corenta despachos profesionais colaboradores. Tamén os titulares dos órganos xudiciais do partido xudicial de Santiago e doutros partidos da comunidade autónoma, a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da USC, así como diferentes administracións locais veñen colaborando tradicionalmente na impartición do título propio da Escola ao que substitúe o máster.