A Escola

HOMOLOGACIÓN

A Escola de Práctica Xurídica compostelá participa activamente nas xornadas anuais de escolas de práctica xurídica de España. Foi en 1993 organizadora das XII Xornadas. En 1998 elaborou un relatorio sobre a modificación dos criterios de homologación destes centros de especialización profesional. En 2007 foi coautora do relatorio “colaboración entre ICAS e universidade: fundacións, escolas mixtas e convenios de colaboración”.

Periodicamente está presente tamén nas reunións de escolas europeas (Stage).

Os seus ESTUDOS DE ESPECIALIZACIÓN EN AVOGACÍA, PROCURADORÍA e PRÁCTICA XURÍDICA  cumpren sobradamente todos os requisitos establecidos pola asemblea de escolas de práctica xurídica de España, o Consello Xeral da Avogacía Española [Regulamento para a homologación das prácticas de iniciación á profesión de avogado e das escolas de práctica xurídica, aprobado polo Consello Xeral da Avogacía Española o 24 de setembro de 2006] e o Consello da Avogacía Galega, respecto á duración, contidos, prácticas externas, sistemas de avaliación, capacitación pedagóxica dos preparadores, criterios metodolóxicos, etc., contando neste senso co recoñecemento e a homologación de todas estas corporacións e órganos. Esta homologación garante a calidade da formación que imparten as escolas de práctica xurídica que acadan este recoñecemento institucional, sendo obxecto de control permanente, así como de revisión e renovación anual. En novembro de 2007, a Escola compostelá foi obxecto dunha inspección por parte do servizo de inspección de escolas do CXAE, que rematou cunha valoración moi positiva.

Pola súa banda, institucións da Unión Europea, diferentes administracións públicas españolas, órganos xudiciais, colexios profesionais e entidades privadas colaboran no desenvolvemento dos ESTUDOS DE ESPECIALIZACIÓN [ver apartado “Institucións colaboradoras”].

A Escola ten encomendada a formación permanente dos avogados exercentes na demarcación do Colexio de Avogados de Santiago [por acordo da súa Xunta de Goberno]. Neste senso, a indispensable coordinación da Escola co Colexio de Avogados de Santiago no que se refire á xestión dos programas de formación continuada, garántese mediante a participación do director da Escola na comisión de formación da corporación.

Tamén forma parte da Comisión de Formación do Consello Xeral da Avogacía Española e preside a Comisión de Formación do Consello de Avogacía de Galicia. Así mesmo impulsa a participación en programas formativos europeos.