A Escola

OBXECTIVOS

I. FORMAR PROFESIONAIS CAPACITADOS PARA O EXERCICIO DA AVOGACÍA E DA PROCURADORÍA.

Unhas profesións xurídicas tan complexas como as de avogado e de procurador, de innegable compoñente técnico, nas que se prestan uns servizos de notable importancia para o conxunto dos cidadáns [asesoramento en Dereito, actuacións tendentes a evitar o proceso mediante fórmulas preventivas e compositivas, defensa e representación en xuízo, etc.], e en cuxo desempeño está en xogo o valor constitucional da xustiza e dos dereitos fundamentais básicos dos cidadáns como os de defensa, tutela xudicial efectiva, liberdade persoal, asistencia letrada… [estes profesionais son colaboradores fundamentais na impartición da xustiza, a calidade do servizo que prestan redunda directamente na tutela xudicial efectiva que a nosa Constitución garante á cidadanía], esixen sen ningunha dúbida un adestramento práctico especificamente dirixido ao seu adecuado exercicio e anterior a el, que abrangue tamén o coñecemento das normas deontolóxicas e profesionais.

Non se quere dicir con isto que a formación universitaria non cumpra uns niveis de solvencia e calidade satisfactorios de acordo coa súa finalidade. Pero a realidade é que os estudos que ofrecen actualmente as facultades de Dereito encóntranse orientados á procura dunha formación de base, xeneralista, que responda e sexa coherente coa multiplicidade de saídas profesionais que ten a carreira de Dereito, e polo tanto sen ter en consideración as peculiaridades de cada profesión xurídica. Non é admisible que un avogado, a quen se supón capacitado para exercer, xamais redactase un escrito xudicial ou extraxudicial, descoñeza as estratexias máis elementais da defensa, ou non afondase sobre a posición ética e deontolóxica que debe tomar en cada actuación profesional.

Agora ben, a diferenza da experiencia do Dereito comparado que mostra que a actuación ante os tribunais de xustiza e as demais actividades de asistencia xurídica requiren a acreditación previa dunha capacitación profesional que vai máis alá da obtención dunha titulación universitaria [así ocorre en todos os países da Unión Europea], a normativa vixente actualmente en España aínda permite [ata finais do ano 2011] o acceso ás profesións de avogado e de procurador con tan só acreditar a licenciatura en Dereito, darse de alta na seguridade social ou mutualidade correspondente, e inscribirse nun colexio de avogados ou de procuradores, logo de pagar as cotas e, de ser o caso, as fianzas correspondentes. Este feito, ademais de limitarlles as posibilidades de circulación e establecemento aos profesionais españois no ámbito da Unión Europea, fai que a súa preparación sexa menor que a dos seus colegas comunitarios, o que resulta un factor perturbador no proceso de homologación destas profesións xurídicas cara ao que camiña Europa.

A propia avogacía e procuradoría, a universidade, os poderes públicos, a sociedade en xeral levan décadas reivindicando de xeito constante a necesaria capacitación profesional destes colaboradores no exercicio da tutela xudicial efectiva, tanto máis precisa cando se trata de asesorar ou de defender e representar os dereitos e intereses de cidadáns con escasos recursos económicos, que se ven obrigados a dispoñer dun avogado e procurador de oficio.

Así, todos os congresos da avogacía española [dende o de León de 1970], as reunións das xuntas de goberno dos colexios de avogados [dende Santander en 1994], os congresos nacionais da procuradoría [en particular, o do ano 2000], os congresos internacionais do Comité de Postulantes de Xustiza Europeos [Mallorca, 2004,], as asembleas de escolas de práctica xurídica de España,…, veñen expresando reiteradamente a necesidade de garantir unha formación inicial igual para todos os profesionais da avogacía e da procuradoría, para equipararse aos profesionais da Unión Europea, instando a súa regulación por parte dos poderes públicos. Trátase dunha aspiración da avogacía e da procuradoría que non é infundada nin corporativista porque o que está en xogo non é a loita por un mercado de traballo, senón o correcto exercicio de dereitos constitucionais dos cidadáns, a eficiencia da xustiza, a correcta prestación dun servizo público e a propia dignidade das profesións de avogado e de procurador.

Nesta mesma liña sitúanse: a Orde do Ministerio de Xustiza do 3 de xuño de 1997 que, entre os requisitos mínimos de formación e especialización para prestar os servizos de asistencia xurídica gratuíta, estableceu o de estar en posesión do diploma dunha escola de práctica xurídica (ou de cursos equivalentes homologados polos colexios); o Acordo do Consello da Avogacía Galega, do 7 de xullo de 1998, segundo o cal, o tempo investido en superar o programa de formación nunha escola de práctica xurídica computarase como equivalente a anos de exercicio profesional para os efectos de acceder á quenda de oficio de calquera colexio de avogados da nosa comunidade autónoma; ou as segundas Xornadas das Xuntas de Goberno dos Colexios de Avogados de 1997, que estableceron o certificado de aptitude profesional, aínda voluntario, para a inclusión do profesional na quenda e oficio.

O Libro Branco da Xustiza, presentado polo Consello Xeral do Poder Xudicial en 1997, reclamou a capacitación práctica destes profesionais. As conclusións da X Conferencia de Decanos/as das Facultades de Dereito das universidades españolas [Vigo, 2004] sinalaron a necesidade e urxencia de regular o acceso ás profesións de avogado e de procurador. Tamén, de modo significativo, o Pacto de Estado sobre a Xustiza do ano 2001 referiuse a esta cuestión no seu punto 20, e a proposición de lei presentada polo Grupo Parlamentario Popular no Congreso en xuño de 2003 tiña como obxecto regular o acceso ás profesións de avogado e de procurador.

En xaneiro de 2006, o Goberno presentou no Congreso dos Deputados o Proxecto de Lei sobre o acceso ás profesións de avogado e procurador dos tribunais [que foi aprobado polas Cortes Xerais o 27 de outubro e publicado no BOE nº260 de 30 de outubro do 2006], polo que se regula a obtención dos títulos profesionais de avogado e de procurador, a favor daqueles licenciados/as en Dereito que acrediten a súa capacitación profesional mediante a superación da correspondente formación práctica especializada [aprobada polos ministerios de Xustiza e de Educación, impartida conxuntamente polas universidades e colexios profesionais, e que inclúe un importante período de prácticas externas], e dunha avaliación de tipo práctico por unha comisión plural con representación dos sectores universitarios e profesionais afectados.

Nesta contexto xorde a Escola de Práctica Xurídica de Santiago de Compostela, como o centro a través do cal tanto a universidade como os colexios de avogados e de procuradores composteláns proporciónalle ao elevado número de licenciado/as en Dereito que cada ano deixan as aulas universitarias para incorporarse ao mundo profesional a formación deontolóxica e práctica específica, que lles permita exercer, entre outras profesións xurídicas, a avogacía e a procuradoría coa preparación que a sociedade demanda e coa capacitación profesional que nun futuro esixirá a lexislación española. Este labor lévase a cabo a través dos ESTUDOS DE ESPECIALIZACIÓN EN AVOGACÍA, PROCURADORÍA e PRÁCTICA XURÍDICA que, cunha duración de 19 meses e 2.400 horas, constitúen un título propio da Universidade de Santiago impartido a través da Escola, en colaboración cos colexios de avogados e de procuradores da cidade.

II. OFRECERLLES UNHA FORMACIÓN PRÁCTICA AOS LICENCIADOS/AS EN DEREITO E Ó ALUMNADO DO PRACTICUM EXTERNO DA LICENCIATURA, ASÍ COMO UNHA PRIMEIRA EXPERIENCIA PROFESIONAL.

Os ESTUDOS DE ESPECIALIZACIÓN EN AVOGACÍA, PROCURADORÍA e PRÁCTICA XURÍDICA  que imparte a Escola resultan tamén de grande interese para os licenciados/as en Dereito e alumnos/as da licenciatura con poucas materias pendentes que, aínda sen teren previsto encamiñar o seu futuro profesional polo eido da avogacía ou da procuradoría, desexen obter unha formación práctica máis completa dos estudos cursados na facultade, aplicando os coñecementos teóricos adquiridos a supostos reais ou simulados, realizando escritos profesionais, intervindo en xuízos simulados, etc., así como unha primeira experiencia profesional mediante a realización de prácticas profesionais en asesorías xurídicas de administracións públicas, órganos xudiciais e despachos de avogados e de procuradores.

Dende a implantación do vixente plano de estudos [ano 2003] da Licenciatura en Dereito da Universidade de Santiago, o Decanato da Facultade delegou na Escola a coordinación das prácticas externas nos despachos de avogados e de procuradores de Santiago dos alumnos/as matriculados na materia “Practicum”; prácticas que teñen o seu reflexo nos currículos dos alumnos/as, e que benefician cada ano a uns cen alumnos/as da licenciatura.

III. ATENDER A FORMACIÓN CONTINUADA DOS PROFESIONAIS EN EXERCICIO [FUNDAMENTALMENTE, DE AVOGADOS E DE PROCURADORES].

De forma complementaria, a Escola trata tamén de atender as necesidades de formación permanente e continuada das persoas que xa se encontran realizando actividades profesionais de contido xurídico organizando seminarios, reunións, xornadas, conferencias, cursos especializados, editando revistas e libros xurídicos, etc., sobre materias xurídicas de especial interese, procurando estar sempre ao día de calquera reforma ou tendencia lexislativa, xurisprudencial e doutrinal. Neste labor, o Centro ten encomendada pola Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Santiago a programación e execución de toda a actividade formativa dirixida aos colexiados.

Deste mesmo xeito, atende tamén as necesidades de formación xurídica daqueles profesionais   [fundamentalmente peritos, xornalistas, policías, etc.] que colaboran coa Administración de xustiza, a través de convenios puntuais cos colexios profesionais dos que forman parte e con diferentes institucións e administracións públicas.

 IV. CONTRIBUIR Á FORMACIÓN DOS LICENCIADOS/AS QUE DESEXEN EXERCER OUTRAS PROFESIÓNS XURÍDICAS.

É intención dos órganos reitores da Escola aproveitar a experiencia acumulada formación de profesionais para o exercicio da avogacía e da procuradoría para nun futuro procurar asemade a eficaz formación dos licenciados/as en dereito nas técnicas e modos de actuación propias doutras profesións xurídicas, sigularmente das exercidas na Administración de xustiza e na fe pública.