OS ALUMNOS DA 5ª PROMOCIÓN DO MÁSTER EN AVOGACÍA REALIZAN A PROBA DE AVALIACIÓN DE APTITUDE PROFESIONAL PARA O EXERCICIO DA PROFESIÓN DE AVOGADO

O pasado 3 de marzo realizouse a proba de avaliación de aptitude profesional para o exercicio da avogacía para o ano 2018.

A súa finalidade é acreditar a capacitación das futuras avogadas e avogados e, para iso, compróbase que exista unha formación suficiente e que se coñezan as normas deontolóxicas e profesionais. As probas consisten na resolución dun cuestionario sobre materias comúns ao exercicio da avogacía, así como cuestións relativas a unha especialidade xurídica determinada a elección do examinado: civil-mercantil, contencioso-administrativa, penal ou laboral.

O exame ten unha duración máxima de 4 horas e, en concreto, na nosa Comunidade Autónoma os convocados foron examinados nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública sita na Estrada (Pontevedra), como así se vén realizando dende fai catro anos.

Entre os requisitos para presentarse, ademais de atoparse en posesión do Título de Licenciado ou Graduado en Dereito, esíxese ter superado un curso de formación oficial que comprenda o conxunto de competencias necesarias para o exercicio da profesión de avogado ou avogada, así como un período de prácticas externas tuteladas. Tal formación previa foi impartida pola Escola de Práctica Xurídica de Santiago de Compostela a máis de 40 alumnos dun total de 190 aspirantes convocados á proba celebrada na comunidade galega para esta primeira oportunidade do mes de marzo do 2018.

Este ano, ante o elevado número de aspirantes procedentes da Escola de Práctica Xurídica de Santiago, a Escola de Práctica Xurídica puxo á disposición do alumnado un autobús que lles permitiu ós convocados ir e volver con maior comodidade sen ter que preocuparse por nada máis que por alcanzar unha cualificación apta na proba realizada.

http://www.mjusticia.gob.es/cs/Satellite/Portal/es/servicios-ciudadano/tramites-gestiones-personales/acceso-profesion-abogado

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2018/03/03/agasp-refuerza-centro-referencia-abogacia/1848303.html

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/28696/academia-galega-seguridade-publica-acolle-hoxe-proba-aptitude-para-exercicio