A Escola de Práctica Xurídica de Santiago de Compostela participou nunhas xornadas de simulacións xudiciais organizadas polo ICA de León e pola Escola de Práctica Xurídica de Cantabria. As simulacións celebraronse os días 18 e 21 de maio e o 1 de xuño deste ano 2018 e nelas participaron as Escolas de Practica Xurídica de Asturias, Bilbao, Cantabria, León, Salamanca, Santiago e Vigo.

Asistidos por un titor, os alumnos da Escola actuaron baixo o rol de letrados en procedementos de diversa natureza: xuízos verbais, medidas provisionais en materia de familia, xuízos por delitos leves, procedementos abreviados contencioso-administrativos e asuntos da orde social.

Nos últimos anos a Escola de Práctica Xurídica de Santiago participou en varias ocasións en actuacións de índole similar organizadas pola Escola Xudicial na súa sede de Barcelona. Tratábase de simulacións que formaban parte do plan de estudos de formación dos aspirantes a xuíces, xuízas, maxistrados e maxistradas e nas que os alumnos da Escola de Práctica Xurídica participaban como avogados, partes, testemuñas e peritos.

Á vista de que a experiencia doutras promocións neste tipo de simulacións sempre foi moi positiva, este ano a Escola recomendou a participación nestas novas xornadas e os alumnos non dubidaron en formar parte. Os alumnos traballaron moi duro xunto cos titores para desenvolver un papel profesional que deixe constancia de todo o aprendido no primeiro curso do Máster en Avogacía.