ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO «MÁSTER UNIVERSITARIO EN AVOGACÍA E PROCURADORÍA» (2024-2026)
O 9 de setembro de 2024 inicia a 2ª edición do «Máster universitario en Avogacía e Procuradoría» (MUAP), ofertándose un total de 60 prazas.
A duración do MUAP é de ano e medio (setembro de 2024 a febreiro de 2026) estructurados en tres semestres e un total de 90 ects (dos que 30 son de «Prácticas externas»)
O MUAP está adaptado ás esixencias que contempla a Lei 34/2006, do 30 de outubro (reformada pola Lei 15/2021, do 23 de outubro), e o Real Decreto 64/2023, do 8 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 34/2006; e habilita para presentarse á avaliación de aptitude profesional para o acceso ás profesións da Avogacía e da Procuradoría, e obter o correspondente título profesional, así como para acceder aos estudos de doutoramento.
O grao de inserción laboral do alumnado é dun 75% no ano seguinte ao remate dos estudos.
A formación especializada profesionalizante impártese cunha metodoloxía activa e participativa, nas modernas e funcionais instalacións da Escola de Práctica Xurídica (Facultade de Dereito-USC), pola Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración cos Colexios de Avogados e de Procuradores de Santiago de Compostela, a través da Escola de Práctica Xurídica.
Crearanse dous grupos de docencia sempre que o número de matriculados supere os 45.
INFORMACIÓN, SOLICITUDE, ADMISIÓN E MATRÍCULA 2ª edición (2024/2025)
- Sesións informativas presenciais e “en liña” (Microsoft Teams): Terán lugar os días 20 e 27 de xuño, 4, 11 e 18 de xullo, ás 14.00 horas. [Para solicitar participar nunha sesión informativa dirixirse por correo electrónico (epjdir@usc.es) ou por teléfono (881 814 675) aos servizos administrativos da Escola, para que lle sexa enviada a correspondente invitación para unirse á sesión Teams]
- Solicitude de praza: do 20 de xuño ao 16 de xullo de 2024 (a través da web da USC)
- Publicación adxudicación de prazas: 29 de xullo de 2024
- Matrícula de admitidos: 30 de xullo ao 1 de agosto de 2024
- Prazas vacantes: a partir do 5 de agosto de 2024
- Inicio das clases: 9 de setembro de 2024
NOTA IMPORTANTE: O alumnado da USC matriculado no curso académico 2023/24 que estea en condicións de rematar os estudos que lle dean acceso ao máster na convocatoria de xullo, poderá solicitar a admisión e no seu caso matricularse sen ter feito o depósito de título. Esta matrícula estará condicionada a que aboen os dereitos de expedición do título de acceso coa data límite do 12 de agosto de 2024.
Para os efectos de adxudicación de prazas, a nota media do expediente do alumnado da USC aos que se refire o parágrafo anterior, actualizarase automaticamente con data de 16 de xullo de 2024.
Os/as interesados/as poden solicitar máis información no teléfono 881 814 675, no correo electrónico: epjdir@usc.es, na web: epxsantiago.org; ou ben por medio das sesións informativas (presenciais e en liña) que se programarán durante os meses de xuño a setembro. Ver tamén o vídeo promocional colgado na web epxsantiago.org
MATRÍCULA DE CONTINUACIÓN DE ESTUDOS – MUAP 1ª edición (2024/2025)
O alumnado da 1ª edición do MUAP, que iniciou os seus estudos en setembro de 2023 e finalizou en xuño/xullo 2024 o primeiro ano/curso, pode formalizar matrícula de continuación de estudos do 1 de xullo ao 10 de setembro de 2024, para cursar as materias de «Traballo Fin de Máster», «Prácticas externas II: Despachos de Avogacía e/ou de Procuradoría» e de «Prácticas externas III: Despachos de Avogacía e/ou de Procuradoría», correspondentes ao terceiro semestre (segundo curso/ano), así como, de ser o caso, as materias do primeiro ano/curso que teña pendentes de cursar/superar.