A Escola

HISTORIA

A Escola de Práctica Xurídica de Santiago de Compostela configúrase como un centro de formación práctica e de especialización profesional, que ten por finalidade a eficaz formación dos licenciados/as e graduados/as en dereito nas técnicas e formas de actuación profesional propias da avogacía, da procuradoría e doutras profesións xurídicas, así como a formación continuada dos profesionais do dereito.

Ten a súa orixe na Escola de Práctica Xurídica da Universidade de Santiago de Compostela, creada polo Real decreto 2394/1981, do 20 de agosto, despois de que iniciase o expediente en 1978 a Facultade de Dereito en estreito contacto co Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, e logo do posterior informe favorable da Xunta de Goberno desta Universidade emitido na súa sesión do 23 de xaneiro de 1979. Dentro da estrutura universitaria ten o carácter de «escola de especialización profesional» [arts. 53 a 55 e disposición adicional 1ª dos Estatutos da USC].

Con posterioridade, o Colexio de Avogados de Santiago de Compostela creou a Escola de Práctica Xurídica «Eugenio Montero Ríos», ao amparo das funcións que o Estatuto Xeral da Avogacía [art. 4.e) do xa derrogado RD 2090/1982, do 24 de xullo; e actual art. 4, g), h), i) do Real decreto 658/2001, do 22 de xuño], recoñece os colexios de avogados. O acordo foi da súa Xunta Xeral, de data 2 de xullo de 1991, despois da proposta da súa Xunta de Goberno; acordo ao que se adheriu o Colexio de Procuradores de Santiago de Compostela o 3 de xullo de 1991.

O 23 de novembro de 1994, froito das excelentes relacións existentes entre os equipos de goberno da Universidade de Santiago de Compostela e dos ilustres colexios de avogados e de procuradores da cidade, asínase un convenio de colaboración entre as institucións de que dependen as dúas escolas, por medio do cal todas as actividades de formación que cada unha viña realizando ata ese momento por separado, pasan a desenvolverse de forma conxunta baixo o nome de ESCOLA DE PRÁCTICA XURÍDICA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA.

Esta colaboración institucional, que xa dura máis de vinte e dous anos, constitúe unha experiencia modélica no noso país, agora seguida pola lei de acceso ás profesións de avogado e de procurador do 27 de novembro de 2006; e que permitiu acadar á Escola compostelá un amplo recoñecemento como centro especializado na formación inicial e continuada dos avogados e procuradores galegos, situándose dende xa hai tempo entre os máis prestixiosos do Estado.

Para un mellor cumprimento dos seus fins, a Escola mantén tamén unha estreita colaboración cun amplo número de administracións públicas, colexios profesionais, órganos da administración de xustiza e entidades privadas . Entre estas colaboracións, encóntranse as que se manteñen con:

— a XUNTA DE GALICIA:

Presidencia: para a realización de prácticas profesionais polos licenciados/as e graduados/as en formación, na Asesoría Xurídica Xeral e nas asesorías  xurídicas das distintas consellerías e organismos autónomos dependentes da administración autonómica; e a impartición de módulos de linguaxe xurídica galega.

Consellería de Traballo e Benestar: para promover a formación práctica dos licenciados/as e graduados/as en Dereito e facilitar a súa inserción no mercado  laboral; e para a organización de actividades de formación continuada.

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza: para o financiamento dunha parte da actividade ordinaria da Escola; e a formación dos futuros avogados nas políticas de igualdade e non discriminación, violencia de xénero, protección de menores e asesoramento a inmigrantes e refuxiados.

Consellería de Economía e Industria: para a realización de prácticas profesionais no Instituto Galego de Consumo.

— a DEPUTACIÓN PROVINCIAL DA CORUÑA, para a realización de prácticas profesionais nos departamentos de urbanismo dos concellos da provincia da Coruña; a organización de seminarios dirixidos a mellorar a formación pedagóxica dos profesionais-colaboradores da  Escola; e para a mellora das instalacións e medios da Escola.

— a DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO, para a realización de cursos de verán na provincia de Lugo.

— o CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, para a realización de prácticas profesionais nas concellerías de Servizos Sociais, Urbanismo, no Servizo de Contratación e Servizos Comunitarios e na Unidade Municipal de Atención ao Drogodependente.

— máis de vinte CONCELLOS DA PROVINCIA DA CORUÑA, para a realización de prácticas profesionais nos seus departamentos de urbanismo, ao amparo do convenio asinado coa deputación da Coruña.

— a XUNTA DE XUÍCES DE SANTIAGO, a FISCALÍA DE SANTIAGO, SINDICATOS, etc, para a realización de prácticas profesionais  nos órganos xudiciais e fiscalía.

— a SOCIEDADE XERAL DE AUTORES E EDITORES, para a realización de prácticas profesionais na súa delegación da Coruña.

— a EDITORIAL XURÍDICA TIRANT LO BLANCH, para a utilización gratuíta das súas bases de datos xurídicas nas aulas da Escola, e ó  funcionamento dunha aula informática Tirant lo Blanch nas instalacións da Escola.

— as EDITORIAIS XURÍDICAS THOMSOM ARANDAZI, LA LEY, El DERECHO EDITORES, para a utilización gratuíta das súas bases de datos xurídicas nas aulas da Escola.

— a FUNDACIÓN CAIXA GALICIA, para a organización de cursos e xornadas de actualización profesional.

Así mesmo, coa finalidade de captar recursos externos cos que contribuír á mellora da formación dos avogados e procuradores galegos, e dos profesionais da xustiza en xeral, a Escola concorre periodicamente ás diferentes convocatorias públicas de financiamento de formación xurídica [como a Acción Robert Schuman da Comisión Europea, que co-financiou un curso de dereito procesual comunitario nos sete colexios de avogados de Galicia durante os anos 1998 a 2002, e no que participaron vintecinco institucións galegas]. Pola súa banda, o Parlamento Europeo, ben de forma institucional ou a través dalgún dos seus deputados, axuda economicamente á Escola compostelá para que os seus licenciados/as en formación poidan realizar unha visita de traballo ás principais institucións comunitarias.

No futuro, é obxectivo da dirección da Escola incrementar este tipo de convenios, iniciativas e proxectos; así como fomentar programas de intercambio de licenciados/as e graduados/as en formación e profesionais, para realizar prácticas noutras escolas de España e en centros de formación da avogacía e da procuradoría estranxeiros.