Máster oficial en Avogacía 2015-2017

PRESENTACIÓN

A regulación do réxime de acceso á profesión de avogado en España, como esixencia emanada dos artigos 17.3º e 24 da CE, ten a súa plasmación na Lei 34/2006, do 30 de outubro, sobre o acceso ás profesións de avogado e procurador dos tribunais, cuxo obxecto se cingue á regulación, polo que aquí interesa, das condicións de obtención do título profesional de avogado. Esta disposición legal, conxuntamente coa súa normativa de desenvolvemento (RD 775/2011), poñen de manifesto a importancia da formación práctica que han de recibir os futuros avogados que van actuar ante os órganos xudiciais, ao tempo que mostran a insuficiencia da obtención dunha titulación universitaria para a súa formación integral.

Este conxunto normativo consolida e dá cobertura legal ao título universitario propio que, consonte o disposto no artigo 34.3º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, viña ofrecendo a Universidade de Santiago de Compostela (en diante, USC), en colaboración co Ilustre Colexio de Avogados e o Ilustre Colexio de Procuradores de Santiago de Compostela, baixo a denominación de “Título de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica”.

Este título propio da USC era impartido pola Escola de Práctica Xurídica de Santiago de Compostela (en diante, EPX), cuxa orixe radica no convenio de colaboración asinado entre a USC e os colexios de avogados e de procuradores de Santiago de Compostela, e polo cal as institucións das que dependía a “Escola de Práctica Xurídica da Universidade de Santiago de Compostela” e a “Escola de Práctica Xurídica Eugenio Montero Ríos” comprometíanse a que as actividades formativas que ata ese momento se desenvolvían por separado, pasasen a impartirse de forma conxunta e unitaria.

A EPX cumpre todos e cada un dos requisitos establecidos pola Asemblea de Escolas de Práctica Xurídica de España, o Consello Xeral da Avogacía —Regulamento para a homologación das prácticas de iniciación á profesión de avogado e das escolas de práctica xurídica, aprobado polo Consello Xeral da Avogacía Española o 24 de setembro de 2006— e o Consello da Avogacía Galega, contando, neste sentido, co recoñecemento e a homologación de todas estas corporacións e órganos. A devandita homologación garante a calidade da formación que imparten as escolas de práctica xurídica que posúen este recoñecemento institucional, sendo, ademais, obxecto dun control permanente e dunha revisión e renovación anuais; sen descoñecer que constitúe un requisito esixido pola Lei de acceso á profesión de avogado, para que estas poidan organizar e impartir os cursos de capacitación que permiten acceder á avaliación da aptitude profesional para o exercicio da dita profesión xurídica.

Esta experiencia modélica no noso país, e cuxo espírito é recollido na Lei 34/2006, enfróntase agora ao labor de realizar as reformas estruturais que esixa a adecuación do “Título de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica” á normativa reguladora do ensino universitario oficial de posgrao.

Tal adecuación vai permitir que todas aquelas persoas que se encontren en posesión do título universitario de licenciatura en Dereito, ou do título de grao que o substitúa de acordo coas previsións contidas no artigo 88 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e a súa normativa de desenvolvemento, poidan obter a acreditación da súa capacitación profesional mediante a superación da formación especializada do Máster universitario en Avogacía pola USC, a quen corresponde recoller o legado que aquela experiencia pioneira acumulou na formación de operadores xurídicos.

Esta formación especializada continuará formando avogados e avogadas cos mesmos parámetros e compromisos que o viña facendo, e non só coa finalidade de acadar os mellores resultados nas probas de avaliación da aptitude profesional do alumnado, senón co obxectivo primordial de formar profesionais altamente capacitados en coñecementos xurídicos prácticos e deontolóxicos.

Neste sentido, tanto a USC como o ICA de Santiago, dentro das modalidades de colaboración previstas na Lei 34/2006 e no Regulamento que a desenvolve, optaron por atender a vía prevista na letra c) do artigo 4.1º do RD 775/2011, do 3 de xuño, mediante a impartición conxunta da formación profesional configurada polas ensinanzas conducentes á obtención dun título oficial de “Máster en Avogacía”. O dito máster reunirá, en consecuencia, un dobre perfil: terá validez como formación específica comprensiva do “curso de formación” e do período formativo de “prácticas externas” esixidos polas indicadas Lei e Regulamento para acceder ás avaliacións de aptitude profesional que permiten obter o título profesional de avogado; e, ao mesmo tempo, configúrase como un título de máster oficial universitario, integrándose como tal dentro do espazo europeo de ensino universitario.

A colaboración desenvólvese a través do ICA de Santiago e da Facultade de Dereito (no caso da USC). As dúas institucións contarán neste cometido coa colaboración da Escola de Práctica Xurídica conveniada entre elas; instrumento que lles permitiu levar colaborando máis de vinte e cinco anos na impartición deste tipo de formación profesional especializada e noutros ámbitos formativos.