Prácticas externas do Grao en Dereito
Prácticas Grao en Dereito
O alumnado matriculado na titulación de Grao en Dereito pode obter 9 ECTS, que se imputarán a créditos optativos, por recoñecemento académico pola realización de prácticas externas relacionadas coa titulación. Estas prácticas realízanse en organismos públicos, colexios profesionais, institucións e empresas conveniadas coa USC.
O Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela e a USC teñen asinado un convenio polo cal a institución colexial comprométese, a través do seu centro de formación, a colaborar nestas prácticas. Conseguintemente, a Escola de Práctica Xurídica, en coordinación coa Xunta de Goberno do ICA e do Decanato da Facultade de Dereito, asumiu, a partir do mes de febreiro de 2004, a xestión das prácticas externas oficiais que se realicen nos despachos de avogados pertencentes ó ICA de Santiago por parte do alumnado da Facultade de Dereito.
Mensualmente, durante o curso académico, a Escola celebra reunións co alumnado que escolleu realizar as «Prácticas externas» en despachos de avogados e de procuradores, para informarlles sobre o contido concreto das prácticas. Durante o período das prácticas, a Escola encárgase de facer un seguimento individualizado do seu desenvolvemento en cada despacho profesional.
As datas concretas das reunións informativas publícanse coa suficiente antelación no apartado «Novas» desta web e no taboleiro de anuncios da Facultade de Dereito.