O Colexio de Avogados de Santiago de Compostela (ICAS), en virtude do convenio asinado coa Xunta de Galicia en materia de normalización lingüística, vai impartir en colaboración coa Escola de Práctica Xurídica un curso de especialización en linguaxe xurídica galega.
Trátase dunha formación transversal que ten como obxectivo dotar os profesionais da avogacía de competencias específicas para a produción de textos de calidade. O curso conta cunha homologación da Xunta de Galicia que o equipara ao curso medio de linguaxe xurídica para os efectos de valorar os coñecementos en lingua galega nos procesos de promoción interna na Administración.
O curso de especialización en linguaxe xurídica galega está dirixido ao alumnado do Máster de Avogacía e colexiados/as do ICAS, e conta con 20 prazas (10 para alumnado do Máster e outras 10 para colexiados/as do ICAS), que serán asignadas por rigorosa orde de recepción das solicitudes. Das 10 prazas reservadas para o alumnado do MUA Santiago, terá preferencia o alumnado da promoción 2020-2022 sobre o da promoción 2019-2021. Esta preferencia mantense só ata o día 30 de abril.
Todos os participantes poderanse inscribir ata o mércores 5 de maio ás 14.00 h, mediante unha solicitude dirixida ao correo electrónico linguista@icasantiago.org na que debe conter os seguintes requisitos: nome e apelidos, NIF, correo electrónico e, de ser o caso, núm. de colexiación. Como requisito de acceso para a inscrición necesítase acreditar o nivel de competencia en lingua galega do Celga 4 (certificación de nivel ou validación).
Este curso será impartido de forma telemática a través da plataforma formativa Platega, dende o 10 de maio ao 11 de xullo. O programa está contido no anexo III da Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24.06.2011). O curso impartido será gratuíto. E a súa finalización outorgarase un certificado, expedido conxuntamente pola Xunta de Galicia e polo ICAS.