Dende o ano 2005 Escola e Deputación puxeron en execución un plan conxunto de colaboración. Este plan conxunto permite proporcionar práctica xurídica e especialización profesional en urbanismo e outras competencias propias da administración local aos alumnos/as das diferentes actividades formativas que imparte e nas que colabora Escola de Práctica Xurídica compostelá, á vez que se contribúe ao fortalecemento de diferentes servizos dos concellos da provincia da Coruña, reforzando unha das carencias postas de manifesto polos concellos e colaborando a un cambio cara a un urbanismo e unha prestación de servizos pola administración local de calidade. Dependendo das necesidades de cada concello e da formación dos/as alumnos/as, estes poderán tamén adscribirse a diferentes servizos municipais, de común acordo entre ambas as partes.

O dito plan leva posibilitado a formación no ámbito da administración local de trescentos alumnos/as e mais de trinta concellos da provincia da Coruña (Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Camariñas, Coristanco, Dodro, Ferrol, Laracha, Lousame, Melide, Narón, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Riveira, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra) que ata a data de hoxe teñen asinado o correspondente convenio de colaboración.

O resultado deste plan de colaboración conxunta está a ser altamente satisfactorio para todos: Alumnos/as das actividades formativas que imparte ou nas que colabora a Escola, que toman contacto coa realidade da administración local; Concellos, que dispoñen desta maneira de licenciados e graduados en Dereito con posibilidade real de colaboración en materias especialmente sensibles e nas que, na maioría dos casos, carecen de persoal suficiente ou cualificado; e Deputación, que cumpre desta maneira co obxectivo de colaborar cos concellos na prestación de servizos públicos que proporcionan un maior benestar e unha mellor calidade de vida aos seus veciños/as.

Outro ano máis, a dirección da Escola de Práctica Xurídica está a xestionar a renovación do «Convenio de colaboración entre a Deputación Provincial da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela xunto cos Ilustres Colexios de Avogados e de Procuradores de Santiago de Compostela para financiar os gastos de realización de prácticas de alumnos/as das actividades formativas que imparte ou nas que colabora a Escola de Práctica Xurídica nos concellos da provincia de A Coruña e adquisición do material necesario para a súa execución» para o ano 2021.

Dado que as noticias recibidas indican que as xestións van por bo camiño, estamos en condicións de ofrecer ao alumnado do MUA SANTIAGO (promoción 2020-2022) un total de 10 prazas para realizar prácticas externas voluntarias en concellos da provincia da Coruña durante os meses de xuño a setembro de 2021, cinco días a semana, en horario de maña (09h00 a 14h00). Estas prácticas permiten percibir unhas axudas por gastos de desprazamento. Trátase dunha oportunidade que ofrece a Escola para incrementar a experiencia práctica e profesional do alumado do Máster.

As prácticas comezarían a partir do día 1 de xuño, e os/as interesados/as deben enviar un correo electrónico á dirección da Escola epjdir@usc.es antes do 7 de maio, no que manifesten o seu interese en realizar as prácticas e formalicen o seu compromiso de realizalas no período establecido. As prazas adxudicaranse por orde de solicitude, se ben terá preferencia o alumnado que non realizou estas prácticas no ano 2020. Calquera dúbida ao respecto pode resolvela acudindo ás instalacións da Escola ou chamando por teléfono ao número 881 814 675.