O MUA no evento «Promoción internacional dos Programas de Máster da USC»
O profesor Lotario Vilaboy, coordinador académico do MUA, participou na actividade de difusión de Mestrados organizada pola Vicerreitoría de Titulacións e Captación Internacional da USC, a través do seu Servizo de Captación Internacional. Desde o pasado mes de novembro, en coordinación co Servizo de Captación Internacional da USC, persoal directivo e administrativo da Escola de Práctica Xurídica elaborou o material necesario para participar na actividade (powerpoint, gravación dun vídeo promocional, etc.). Finalmente, durante a semana do 6 ao 17 de febreiro tiveron lugar as sesións en directo de presentación de todos os mestrados da USC, correspondéndolle ao Máster universitario en Avogacia facelo o dia 16 de febreiro, dentro do espazo reservado para os másteres da área das Ciencias Sociais e Xurídicas.
Egresados de diferentes universidades e países de América Central e do Sur tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as características da titulación e todo aquilo que lles podía ofrecer para iniciarse no exercicio profesional da avogacía cos coñecementos, habilidades e destrezas necesarias (plan de estudos, metodoloxías activas e participativas, prestixio e experiencia do profesorado e dos colaboradores de prácticas externas, sistemas de avaliación, institucións e entidades colaboradoras, bolsas de colaboración e axudas, inserción laboral dos egresados, etc.). Moitos dos participantes mostraron gran interese pola titulación, como unha opción a ter moi en conta para mellorar a súa formación profesional, particularmente pola metodoloxía práctica empregada e o amplo e variado programa de prácticas externas obrigatorias. Tamén o rigor e profesionalidade con que se imparte a formación foi especialmente apreciada.