O «Máster en Avogacía» transfórmase en «MÁSTER UNIVERSITARIO EN AVOGACÍA E PROCURADORÍA» a partir do curso 2023-2024
A partir do próximo mes de setembro (curso 2023-2024) a Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración cos Colexios de Avogados e de Procuradores de Santiago de Compostela, a través da Escola de Práctica Xurídica», inicia o «Máster universitario en Avogacía e Procuradoría», que habilita para presentarse á avaliación de aptitude profesional para o acceso ás profesións da Avogacía e da Procuradoría, e obter así o correspondente título profesional.
A nova titulación está adaptada ás esixencias que contempla a Lei 34/2006, do 30 de outubro, despois da reforma operada nela pola Lei 15/2021, do 23 de outubro, e o Real Decreto 64/2023, do 8 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento da lei 34/2006. A formación especializada profesionalizante impartirase nas instalacións de que dispón a Escola de Práctica Xurídica na Facultade de Dereito, ofertándose un total de 60 prazas, a distribuir en dous grupos de docencia (sempre que o número de matriculados supere os 45).
O prazo de solicitude de praza abrirase do 7 de xuño ao 17 de xullo de 2023, a publicación de admitidos será o 27 de xullo o prazo de matricula dos/as alumnos/as admitidos será do 28 ao 31 de xullo de 2023. Calendario de matrícula en Másteres. Os estudos iniciarán o 11 de setembro de 2023 e rematarán en febreiro de 2025, impartíndose un total de 90 ECTS (dos cales unha terceira parte serán «Prácticas externas») ó longo de tres semestres.
Os/as interesados/as poden solicitar máis información no teléfono 881 814 675, no correo electrónico: epjdir@usc.es, na web: epxsantiago.org; ou ben por medio das sesións informativas (presenciais e en liña) que se programarán durante os meses de maio a setembro.
O novo Máster substitúe o actual «Máster universitario en Avogacía» que se ven impartindo dende o curso 2012-2013 nos campus de Santiago de Compostela e de Lugo, coa colaboración dos Colexios de Avogados destas dúas cidades, e da Escola de Práctica Xurídica. Este «Máster» ten, á súa vez, os seus precedentes no «Título propio de Especialización en Abogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica» impartido pola Escola de Práctica Xurídica de Santiago (USC, Colexios de Avogados e de Procuradores de Santiago) dende o ano 2004 ao ano 2013; o cal, á súa vez, é herdeiro do «Programa en Práctica Xurídica. Ciclo Xeral Formativo e Ciclo de Especialización» impartido pola Escola de Práctica Xurídica desde o ano 1995 ata o ano 2004.