Recoñecemento á excelencia investigadora: Paula Refojo Otero, premiada nos XIII Premios Fundación Mutualidade.
A Escola de Práctica Xurídica de Santiago de Compostela comprácese en anunciar que Paula Refojo Otero, antiga estudante do Máster Universitario en Avogacía e Procuradoría (1ª edición, 2023-2025), impartido conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela, o Ilustre Colexio de Avogacía de Santiago de Compostela, o Ilustre Colexio de Procuradores de Santiago de Compostela e a Escola de Práctica Xurídica, foi recoñecida co primeiro premio nos XIII Premios á Excelencia Cátedra Fundación Mutualidade, grazas ao seu innovador estudo titulado “A problemática da propiedade intelectual sobre os escritos e informes elaborados polos avogados”.
Na súa investigación, Paula Refojo analiza un dos temas máis relevantes e novedosos para a práctica profesional da avogacía: a protección, mediante os dereitos de propiedade intelectual, dos escritos e informes elaborados por profesionais da avogacía. A autora destaca que, a pesar da trascendencia desta cuestión, aínda non existe un tratamento doctrinal e xurisprudencial exhaustivo, agás algúns pronunciamentos recentes da Audiencia Provincial de Valencia (xaneiro de 2024) e de Salamanca (marzo de 2017).
O traballo profunda en aspectos fundamentais como o nacemento da protección legal, a autoría e titularidade das obras, o alcance dos dereitos de autor e as condicións de cesión e límites aplicables. Presta, ademais, especial atención á influencia dos sistemas de intelixencia artificial na elaboración de informes xurídicos, destacando os desafíos éticos e legais que supón a integración da IA na profesión.
A entrega oficial do premio terá lugar en Madrid, nun acto público organizado pola Fundación Mutualidad. O galardón, dotado con 6.000 euros, inclúe tamén o reembolso das cotas da Mutualidade e do Colexio da Avogacía ata o ano 2026, apoiando así o inicio da carreira profesional da premiada.
Paula Refojo Otero é licenciada en Dereito pola USC, premio fin de carreira outorgado pola Xunta de Galicia, Máster Universitario en Avogacía e Procuradoría da USC e actualmente investigadora na área de Dereito Mercantil da USC, desenvolvendo a súa tese doutoral baixo a dirección dos profesores Ángel García Vidal e María do Mar Maroño Gargallo.
A Escola de Práctica Xurídica, xunto á Universidade de Santiago de Compostela e os Ilustres Colexios de Avogacía e Procuradores, felicita publicamente á galardoada polo alto nivel amosado e comparte con orgullo a excelencia investigadora e profesional que representan os seus egresados.