A Escola de Práctica Xurídica desenvolverá durante os meses de novembro e decembro diversas sesións de xuízos simulados, correspondentes ás materias do primeiro semestre do Máster Universitario en Avogacía e Procuradoría (USC – ICAS – ICPS): “Práctica Xurídica Mercantil. Asesoramento e Litigación”, “Práctica Xurídica Civil I. Litigación”, “Práctica Xurídica Laboral I. Asesoramento e Litigación”, “Práctica Xurídica Administrativo I. Litigación” e “Práctica Xurídica Penal I. Litigación”, nas salas de audiencias situadas nas instalacións da Escola.

Estas actividades forman parte da programación e sistema de avaliación das áreas de dereito positivo do Máster, e supoñen unha metodoloxía innovadora na que o estudantado, acompañado dun titor ou titora (avogado/a), participa en exercicios sobre redacción de escritos, exposición de alegacións e práctica de probas, asumindo os roles de defensa e acusación nos procedementos dos catro ordes xurisdicionais: civil, penal, contencioso-administrativo e social.

Cómpre destacar que a sala de vistas está equipada con tecnoloxía audiovisual de última xeración, con equipos iguais aos dispoñibles nos xulgados e tribunais, o que posibilita unha reprodución exacta do entorno profesional e potencia a calidade das prácticas do estudantado. Posteriormente, as gravacións dos xuízos simulados póñense a disposición dos/as estudantes para o seu estudo e análise detallada, favorecendo un maior aproveitamento formativo.