Máster oficial en Avogacía 2014-2016

DURACIÓN

O Máster universitario en Avogacía terá unha duración de 90 ECTS, conforme ao esixido na Lei 34/2006, de acceso á profesión de avogado, e no Regulamento que a desenvolve, no que se impartirá a formación necesaria para adquirir as competencias profesionais e os obxectivos indicados nos artigos 10 e 14 do Real decreto 775/2011.

Os 90 créditos repartiranse do seguinte xeito:

  • 60 ECTS corresponden ao denominado «curso de formación»
  • 30 ECTS corresponden ás «prácticas externas»

Os módulos e as materias que integran o «curso de formación» impartiranse ao longo dos dous primeiros semestres (primeiro ano), ao igual que unha pequena parte das prácticas externas (as correspondentes a administracións públicas e órganos xurisdicionais); mentres que as «prácticas externas», que se realizarán en despachos de avogados, e o traballo Fin de Máster serán impartidos durante o terceiro semestre (segundo ano). Polo tanto, a duración total do máster en períodos de tempo é de tres semestres, isto é, un ano e medio, ou un curso académico e medio.

O número de horas de traballo do alumno por crédito ECTS é de 25 horas. O primeiro ano comprende 60 créditos, que equivale a 1500 horas, das cales un mínimo de 582 serán presenciais, realizando en horario vespertino as ensinanzas teóricas e as prácticas na aula e, en horario matutino, as prácticas externas en administracións públicas e en órganos xurisdicionais. Non presenciais serán, aproximadamente, 918 horas, que inclúen horas de estudo e traballo, preparación de exames, que o alumno ou alumna debe realizar para acadar os obxectivos formativos propios de cada unha das materias do correspondente plan de estudos.