Máster oficial en Avogacía e Procuradoría
2024-2026
TITULACIÓN DE ACCESO
A titulación está dirixida a aquelas persoas que estando en posesión dun título universitario oficial de Licenciatura ou de Grao en Dereito, que acredite as competencias xurídicas establecidas no art. 3.1. do RD 64/2023, do 30 de outubro (BOE nº 34, do 9 de febreiro de 2023), sintan unha vocación polo exercicio das profesións xurídicas da Avogacía e/o da Procuradoría.
Por tanto, o perfil recomendado dos/as posibles interesados/as é o de titulados que vexan na Avogacía e/o na Procuradoría unha alternativa real e viable para encamiñar o seu futuro profesional e inserción no mercado laboral, e que, en consecuencia, desexen adquirir a formación práctica especializada comprensiva do conxunto de coñecementos, destrezas/habilidades e competencias necesarias para o exercicio da Avogacía e da Procuradoría.
Dado que a titulación impártese indistintamente nas linguas que son oficiais na comunidade autónoma de Galicia (España), os estudantes que cursen o Máster deberán posuír un coñecemento (escrito e oral) fluído do castelán e do galego.
Os requisitos xerais de acceso aos estudos de máster na USC, así como os relativos ao acceso de persoas tituladas procedentes doutros países, contéñense na seguinte dirección: https://www.usc.gal/es/admision/master.
Como complemento á información establecida na dirección referenciada anteriormente, no caso do “Máster universitario en Avogacía e Procuradoría”, conforme ao art. 2.1.a) do RD 64/2023, hase de estar en posesión do título universitario oficial de Licenciatura ou de Grao en Dereito, que acredite a adquisición das competencias xurídicas establecidas no art. 3.1 da mesma norma, o cal é requisito previo para acceder a este Máster, conforme ao art. 3.3 do referido RD. Nota informativa sobre a obrigatoriedade de posuír o título universitario oficial de licenciatura ou grao en dereito como requisito para acceder ao máster universitario de acceso á formación especializada
Conforme tamén ás sucesivas Ordes ministeriais polas que se convocan, cada ano, as probas de avaliación de aptitude profesional para o exercicio da profesión da Avogacía, e para o exercicio de Procuradoría, os aspirantes con titulacións de orixe obtidas no estranxeiro necesitarán contar coa Licenciatura ou Grao en Dereito obtidos por convalidación, ao amparo do RD 889/2022, do 18 de outubro, polo que se establecen as condicións e os procedementos de homologación, de declaración de equivalencia e de convalidación de ensinos universitarios de sistemas educativos estranxeiros e polo que se regula o procedemento para establecer a correspondencia ao nivel do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior dos títulos universitarios oficiais pertencentes a ordenacións académicas anteriores, ou ben coa homologación do título en España ao de Licenciado/a en Dereito, obtida de acordo con o RD 285/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan as condicións de homologación e convalidación de títulos e estudos estranxeiros de educación superior.
En consecuencia, quen curse a titulación para posteriormente presentarse á proba estatal de avaliación de aptitude profesional, coa finalidade de obterse o correspondente titulo profesional para o exercicio das profesións da Avogacía e de Procuradoría, deben cumprir os requisitos de titulación anteriormente indicados.