Máster oficial en Avogacía 2016-2018
METODOLOXÍA
Para conseguir que os alumnos/ás do Máster adquiran as competencias esixidas e os obxectivos propostos, a metodoloxía e a programación basearanse nunha formación activa e participativa e na asimilación progresiva de experiencias (“aprender facendo”) e razoamentos xurídicos.
A programación do Máster está orientada a fomentar o coñecemento e comprensión clara da deontoloxía, da normativa e da actividade profesional propia da profesión de avogado. Trátase de conseguir que o alumno/a adquira uns hábitos profesionais apropiados.
O programa de estudos adáptase tamén aos enunciados e contidos dos cursos de formación e prácticas de inicio ao exercicio da Avogacía establecidos e aprobados polo Consello Xeral de ao Avogacía Española para a súa homologación. Así, partindo da bagaxe teórica que os licenciados e graduados en Dereito adquiriron na Facultade, perséguese que os profesores se centren nas cuestións prácticas que formula o exercicio profesional da avogacía, procurando que os alumnos adquiran certas habilidades e as regras esenciais do usus fori.
Dun xeito moi especial, preténdese que os alumnos se familiaricen coas normas deontolóxicas, que xeralmente lles son descoñecidas, e coa normativa profesional e regras básicas da profesión. As áreas de Dereito Civil, Dereito Mercantil, Dereito Penal, Dereito Administrativo, Dereito Laboral e Dereito Tributario, xunto coa Deontoloxía e as materias profesionais e comúns, considéranse centrais e obrigatorias nos estudos ofertados.
Trátase de potenciar todas as capacidades do alumno, principalmente as habilidades, técnicas e actitudes necesarias para iniciarse no exercicio profesional da avogacía. Existe un cambio de mentalidade importante, porque o alumno pasa de ser simple espectador pasivo a converterse en protagonista activo dá a súa propia formación.
O alumno recibe as ensinanzas do “curso de formación” en grupos dun máximo de 40 persoas, mentres que as prácticas externas se realizan de forma individual ou en grupos dun máximo de tres persoas. Deste xeito conséguese que o trato sexa o mais personalizado posible, para lograr unha formación de calidade.
Trátase de axudar os alumnos a que “aprendan a aprender” as claves para resolver calquera problema que se lles presente, así como os rudimentos básicos desta profesión; e non tanto o dereito substantivo e procesual, cuxo contido básico se dá por suposto, dada a súa condición de licenciados ou graduado en dereito.
Non obstante, tanto o dereito material como o procesual, así como os dereitos fundamentais das partes, se traballan de xeito práctico e participativo a través de simulación de escritos e de actuacións procesuais, e nas prácticas externas en administracións públicas, órganos xurisdicionais e despachos profesionais, sen esquecer a vertente extraxudicial e de asesoramento xurídico.
Ademais das simulacións, tamén se empregarán outras técnicas coas que o alumno leva a cabo as mesmas actividades que despois deberá de realizar como avogado, tanto nas relacións co seu ámbito coma no estudo e resolución dos casos que se lle encomenden, sempre baixo un prisma eminentemente práctico e deontolóxico.
Seguirase con preferencia o método do caso, servindo este como medio para que o alumno alcance os obxectivos previstos. Traballarase con casos extraídos ou inspirados da realidade, coas súas diferentes variables e co tratamento da xurisprudencia e doutrina. Cando a materia o precise, combinaranse outros métodos.
Tamén se asesora o alumno sobre as técnicas que ha de empregar cando exerza a profesión, tanto no ámbito xudicial como extraxudicial, sen esquecer tampouco o enfoque global dá profesión. Préstase especial atención aos aspectos de mais interese profesional, atendida a frecuencia coa que se presentan na vida profesional diaria.
Polo tanto, a análise e a resolución dos asuntos por parte do alumno, a elaboración de escritos procesuais e extraxudiciais, así como a preparación das alegacións e interrogatorios orais, son os sistemas habituais de traballo.
Isto significa que os alumnos deben responsabilizarse de preparar axeitadamente os contidos concretos que serán obxecto de análise nas clases e prácticas externas, así como de resolver os casos que os profesores e titores lles formulen.
Deste xeito, as actividades formativas a realizar na aula con presenza do profesor consistirán en:
a) Docencia expositiva:
Utilizaranse para actividades presenciais que non requiren unha participación activa dos estudantes Poderán ter diferentes formatos (clases expositivas, presentación de materiais audiovisuais, etc.) e contarán con apoio de medios audiovisuais e informáticos, ao tempo que se procurará a maior implicación do alumno.
Realizarase unha breve introdución ás cuestións máis relevantes que, dende a óptica da práctica, presenta cada tema; presentaranse os supostos prácticos a resolver, os temas ou cuestións a expoñer/debater e os traballos a realizar.
Inclúense aquí tamén a realización de exames (controis, parciais, finais…).
Posto que se trata de grupos reducidos procurarase a implicación do alumno nas clases.
b) Docencia interactiva:
Organizaranse actividades presenciais que buscan ou requiren unha participación activa dos estudantes: seminarios, discusión de casos prácticos, resolución de problemas, traballo con textos ou datos, prácticas con ordenador, exposición de traballos, simulacións de actuacións profesionais que se programen, etc.
Inclúese tamén aquí actividades consistentes en visitas de traballo a órganos, institucións e oficinas públicas de interese para o exercicio profesional.
Tanto nas clases expositivas como interactivas utilizarase o método do caso, que consiste na descrición dunha situación concreta con finalidades pedagóxicas para aprender a perfeccionarse. O caso proponse a un grupo-clase para que individual e colectivamente o sometan á análise e á toma de decisións. Ao utilizar o método do caso preténdese que os alumnos estuden a situación, definan os problemas, cheguen ás súas propias conclusións sobre as accións que habería que emprender, contrasten ideas, as defendan e as reelaboren con novas achegas.
c) Titorías:
Destinadas ao desenvolvemento de actividades presenciais de orientación, dinamización e titoría do traballo dos estudantes: orientación para a realización de traballos, preparación de exposicións, busca e selección de material bibliográfico, revisión de prácticas ou problemas, etc.
En aula, grupos reducidos ou personalizadas para aqueles alumnos que as precisen e nos temas que revistan unha especial dificultade. Nelas atenderase aos alumnos para discutir cuestións concretas en relación coas súas tarefas ou para tratar de resolver calquera dificultade relacionada cos contidos e actividades da materia.
- A actividade a desenvolver polo alumnado consistirá, entre outros, aspectos en:
- Chegar ao coñecemento teórico e práctico dos conceptos e institucións básicas da materia.
- Busca de materiais: lexislación, xurisprudencia, doutrina, consultas, etc.
- Asistencia a conferencias, xuízos e outras actividades de índole similar programadas polo profesor.
- Proceder á resolución dos supostos prácticos, elaboración de escritos profesionais e demais actividades de índole similar, tanto de xeito individual como en grupo.
- Aplicación das normas e a xurisprudencia a casos concretos
- Elaborar traballos, individualmente ou en grupo, sobre contidos da materia.
- Preparar e tomar parte nos debates organizados na clase e nas simulacións de actuacións profesionais que se programen.
- Participar periodicamente nos programas de titorías e de visitas de traballo.
A actividade presencial complementarase con soporte virtual ofrecido a través da plataforma USC VIRTUAL e da plataforma da Escola de Práctica Xurídica, por medio das que se ofrecerán os diferentes materiais referidos aos contidos e supostos prácticos das diferentes partes que configuran a materia, se ofrecerán enlaces ás fontes básicas de coñecemento, se recollerán os traballos realizados polos alumnos, se realizarán probas de autoavaliación, se habilitarán métodos de contacto para titorías virtuais e se remitirán as cualificacións aos alumnos.